sábado, 23 de março de 2013

A estafa das preferentes, o roubo legalizado polo goberno do PP.

A carraxe das preferentes bate contra a blindaxe do PP

Redacción | @prazapublica
Son centos que representan a ducias de milleiros. Marchan por case todo o país para expresar a súa carraxe alí onde se celebra un acto político, xa sexa un pleno municipal, unha sesión parlamentaria ou un evento do partido gobernante en Galicia e no Estado, o mesmo que vén de escribir no BOE que van perder arredor da metade dos seus aforros. As persoas afectadas polas participacións preferentes -sobre todo de Novagalicia Banco pero tamén do agoniante Banco Gallego- estaban convocadas na mañá deste sábado en Pontevedra ante o congreso provincial do PP, que ironicamente se ía celebrar no centro social Novacaixagalicia da capital provincial. Os conservadores marcharon co seu congreso ao recinto feiral de Silleda e as vítimas dos produtos financeiros foron na súa procura.
Ao chegaren ao simbólico recinto, concibido como centro gandeiro pero máis coñecido por albergar, segundo a data, mareas de opositores ou simpatizantes do propio PP, os afectados polas preferentes atoparon un impresionante despregamento policial comandado en persoa polo subdelegado do Goberno en Pontevedra. As múltiples entradas das instalacións feirais e, sobre todo, a numerosísima presenza de efectivos da Garda Civil impedíronlles achegarse, pero non expresar a súa indignación polo "expolio" ao que foron sometidos os seu aforros. "Non é unha quita, é un roubo", reiteran, ao tempo que consideran que se os dirixentes do PP "se agochan" é "porque teñen algo que temer".

Feijóo teima en culpar a oposición

Feijóo asegura que a oposición "frega as mans" por poder "utilizar" os afectados
Mentres, dende fóra, os manifestantes auguraban un incremento da tensión e da intensidade das protestas, toda vez que, advirten non aceptan nin a quita ni nas accións do banco que os "estafou", dentro Rafael Louzán era aclamado novamente como líder provincial do PP co 97,1% dos votos e Alberto Núñez Feijóo teimaba en culpar das protestas ás forzas da oposición parlamentaria. Segundo o presidente da Xunta os partidos "que lavaron as mans cando se emitían as preferentes -estes produtos foron comercializados entre 2003 e 2011- agora as fregan porqeu ven nos afectados unha arma arroxadiza contra quen ten como único interese buscar solucións".
Segundo Feijóo os afectados non van "esquecer" cal foi o "goberno que ignorou os riscos que estaban correndo" e "marchou sen facer absolutamente nada por eles". Tampouco esquecerán, augura, que "o Goberno socialista e o bipartito miraron cara a outro lado". Pero a Xunta actual "estableceu ante ca ningunha outra comunidade a arbitraxe coa que case 15.000 familias recuperaron os seus aforros". Ademais, asegura, o seu executivo "pelexou" para que o Goberno central establecese "unha rede de seguridade para recuperar unha parte do que daban por perdido".

quinta-feira, 21 de março de 2013

No aniversario do asasinato de Yolanda Gonzalez.

Ola Compañeiras/os nestes días é noticia a compañeira Yolanda Gonzalez, seu asesino traballa dende hai varios anos "para os corpos e forzas da seguridade do estado".
Estamos recollendo firmas dende Corrente Vermella xunto coa súa familia e amigos para esixir investigación ata o final e responsabilidades ao Estado.
vos envio a CARTA que imos enviar ao Ministerio do Interior.

que vos parece que enviemos a nosa adesión á recollida de firmas.
un saúdo
xulia
Asinar aquí: http://chn.ge/xasl8j
Blog da campaña con recollidas de firmas internacionais: http://yolglez.wordpress.com/
Na noite do 1 de febreiro de 1980 foi secuestrada Yolanda González Martín, novo estudante e traballadora de 19 anos, membro do Partido Socialista dos Traballadores e da Coordinadora de estudantes de Madrid. Os seus secuestradores, vinculados á organización de extrema dereita Forza Nova, e que espiaran a Yolanda nas semanas anteriores, a torturaron e asasinaron, deixando abandonado o seu cadáver nunha cuneta. Un dos executores do crime foi Emilio Hellín Mouro, condenado polo asasinato. Hellín Mouro fuxiuse dúas veces, unha durante o período de prisión preventiva e outra durante un permiso de saída recibido mentres cumpría condena, refuxiándose nesta ocasión en Paraguai, onde colaborou coa ditadura militar de Alfredo Stroessner até a súa detención pola Interpol. Entre os implicados no crime que foron condenados había membros activos ou en excedencia dos Corpos e Forzas da Seguridade do Estado.
O 24 de febreiro de 2013, a través dunha noticia publicada no diario O País ("A vida oculta do asasino de Yolanda"), coñeceuse que Emilio (actualmente, Luís Enrique) Hellín Mouro, traballa desde hai varios anos "para os Corpos e Forzas da Seguridade do Estado en casos xudicializados e forma aos seus axentes en técnicas forenses de espionaxe e rastrexo informático".
Toda persoa ten dereito á inserción social unha vez cumprida unha condena, pero as administracións públicas non deben asignar determinadas tarefas especialmente sensibles a quen teñan antecedentes dunha actitude criminal vinculada coas funcións asignadas. Hai, por tanto, unha grave responsabilidade dos responsables directos ou políticos nas contratacións que desde hai varios anos veñen facéndose a Emilio / Luís Enrique Hellín Mouro e que causaron grave dano moral a familiares, amig@s e compañer@s de Yolanda.
Por iso, os familiares de Yolanda e os seus amig@s e compañer@s pedímosche que apoies a seguinte carta ao ministerio do Interior, extensible tamén ao ministro de Defensa, entendendo que o que nela se expresa non limita actuacións que levaremos a cabo por outras vías nin a formulación doutras preguntas que deben ser realizadas.
Esta iniciativa non ten só que ver co pasado, senón que, moi pola contra, afecta ao presente e ao futuro, ao tipo de sociedade na que queremos vivir e que en común queremos crear.

Familiares, amig@s e compañer@s de Yolanda González Martín yg@transicion.com.es https://www.facebook.com/nopagueisasesinos
twiter: https://twitter.com/YGnzalez
CARTA.
Para:
Ministro do Interior do Goberno de España
Sr. Ministro do Interior do Goberno de España

Recentemente coñecemos, grazas a unha investigación xornalística, que Emilio Hellín Mouro, actualmente "Luís Enrique" traballa desde hai varios anos "para os Corpos e Forzas da Seguridade do Estado en casos xudicializados e forma aos seus axentes en técnicas forenses de espionaxe e rastrexo informático".
Como vostede e os seus antecesores debían saber, Hellín Mouro foi condenado polo secuestro, tortura e asasinato de Yolanda González Martín en febreiro de 1980, xoven estudante e traballadora que cumprira 19 anos poucos días antes da súa morte. Tamén debían saber que entre os outros implicados e condenados por este cruel asasinato había membros activos ou en excedencia dos Corpos e Forzas da Seguridade do Estado, así como que se expresaron fundadas sospeitas de máis amplas conexións.
En consecuencia, solicitámoslle a vostede, e de forma extensiva ao ministro de Defensa...
Que de inmediato se poña fin a toda colaboración do citado Hellín Mouro cos seus ministerios e cos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado.
Que dea información pública das condicións en que tivo lugar esa colaboración e, moi en particular, que precise en que data tivo comezo e en quen recaeu a competencia das sucesivas contratacións que tiveron lugar. Solicitamos tamén unha investigación para comprobar se existen ou existiron en anos anteriores outros casos similares a este.
Igualmente, pedimos unha clara identificación da responsabilidade política no ocorrido, que non pode tratarse como erro administrativo e incumbe á cadea de mando dos corpos e forzas de Seguridade e dos propios ministerios, neste e en anteriores mandatos. Isto debe dar lugar aos correspondentes cesamentos e dimisións, así como ao recoñecemento de responsabilidade por parte de quen a teñan aínda que actualmente non exerzan funcións relevantes nas administracións públicas.

En espera da súa resposta

Atentamente,
[O teu nome]

Á RESPOSTA A QUITA DO FROG É MAIS MOVILIZACIÓN


CAMPAÑA CONTRA Á ESPLOTACIÓN EN ZARA

Nova campaña de boicot a Inditex

A plataforma #BoikotInditex pon en marcha unha nova campaña contra o grupo fundado por Amancio Ortega. Propón etiquetar as prendas das tendas da compañía con lemas como "100% feito por nen@s de 8 anos", "Esta prenda é froito da escravitude" ou "Esta prenda custoulle a Amancio 0,20 céntimos". Vídeo no interior.

x Galicia Confidencial
A plataforma de boicot ao grupo Inditex (#BoikotInditex) inicia unha nova acción. O colectivo acaba de publicar no seu blog un vídeo que recolle novas accións de presión contra a compañía fundada por Amancio Ortega. Nas imaxes se mostra a un grupo de persoas que etiquetaron as prendas de roupa nunha serie de tendas do grupo, visibilizando o que consideran "as malas prácticas que levan a cabo" en Inditex.
Agora, a plataforma convida aos demais cidadáns a que fagan o mesmo e inicien visitas ás tendas do grupo Inditex e peguen etiquetas como as que se amosan no vídeo sobre as etiquetas oficiais dos produtos da compañía galega. Nesas etiquetas rezan lemas como "Amancio máis rico e nós máis pobres", "Esta prenda está feita por nenas escravas", "100% feito por nen@s de 8 anos", "Esta prenda é froito da escravitude", "Esta prenda custoulle a Amancio 0,20 céntimos" ou "Mercando esta prenda favoreces a explotación laboral", entre outros.
Ademais, o vídeo comeza coa imaxe conxelada de Amancio Ortega e do presidente executivo de Inditex, Pablo Isla, ambos os dous cun naris de paiaso e de fondo o índice da Bolsa de Madrid.
Con esta acción, os membros da campaña de boicot a Inditex queren facer "conscientes" aos clientes das tendas de Inditex de que ao comprar esas prendas "colaboran coas prácticas que o grupo Inditex leva a cabo en todo o mundo, como a explotación, a venda dun modelo de beleza que oprime ás mulleres, etc".

A TÚA ACHEGA FAI QUE GC POIDA PUBLICAR NOVAS COMA ESTA. SÓ DEPENDEMOS DE TI.

 

segunda-feira, 4 de março de 2013

"O caso de Aurelia Rey tan só é a punta do iceberg"





Héctor Tejón converteuse durante días na cara visible de Stop Desafiuzamentos na Coruña e tamén nun dos protagonistas involuntarios do conflito de Aurelia Rey, a anciá cuxo desaloxo foi paralizado pola presión cidadá. Agarrado ao megáfono, este sociólogo en paro -"en activo non retribuído", prefire dicir el- leu comunicados, coidou de Aurelia, atendeu á prensa e emocionouse varias veces logo dunha semana tan intensa como esgotadora. Cun discurso firme e claro, pide á sociedade que se implique nunha problemática que vai moito máis aló do caso desta muller de 85 anos, que aínda está pendente dunha solución definitiva, e ao que chegou a raíz da súa participación en movementos como o 15M, pero sobre todo pola súa "inquedanza persoal" nunha problemática como a da vivenda.
E de súpeto, atópaste co caso de Aurelia Rey...
O caso de Aurelia é moi particular e moi específico, unha parte do problema que non pode significar o todo. A nivel da opinión pública, é moito máis sinxelo ir contra un banco que contra un propietario individual. Non é o mesmo unha familia que asina unha hipoteca, non é capaz de pagala e vai ser desaloxada, que este caso. Ademais, nós non sabiamos que nos iamos atopar con todo o que nos atopamos durante estas últimas semanas.
"A nivel da opinión pública, é moito máis sinxelo ir contra un banco que contra un propietario individual"
Con que se atoparon?
Non sabiamos das relacións de poder da familia propietaria. Teñamos en conta que antes de iniciar as mobilizacións falamos con Servizos Sociais da Coruña e co avogado dos denunciantes. A resposta do Concello foi sempre a mesma: “non temos pisos e a mellor opción é unha residencia”. Tamén intentamos deter a orde de desaloxo falando cos donos do piso, pero non o conseguimos. Logo mobilizámonos porque o lanzamento era inminente e conseguimos paralo.
Todo polo atraso no pago de dous meses de aluguer.
Claro, porque neste caso nin tan sequera hai un impago, senón un atraso. É unha lei máis que discutible a que permite que se desaloxe unha persoa nesta situación. Lembremos que o primeiro atraso foi en 1999 e o segundo en 2011. Foi aí cando os donos aproveitaron para iniciar o proceso legal que rematou no intento de desafiuzamento. A familia buscaba unha opción legal que lles permitise botar a Aurelia da súa casa. É un caso claro de mobbing inmobiliario e de especulación. Teñamos en conta que varios dos edificios colindantes ao de Aurelia son propiedade da mesma familia, incluído o inmoble onde vive.
"Sempre intentamos chegar a un acordo coa familia propietaria antes de iniciar as mobilizacións, pero non o conseguimos"
A familia acusa a Aurelia Rey de non facilitar as cousas co seu comportamento.
A familia sempre dixo que era moi difícil convivir con Aurelia e Aurelia di que é moi difícil convivir coa presión da familia. Nós sempre intentamos chegar a un acordo antes de iniciar as mobilizacións, pero non o conseguimos.
A repercusión mediática serviulles para lograr o seu obxectivo?
Recibimos moito apoio de todas as partes do Estado grazas á repercusión mediática que tivo o tema e isto serviunos de moita axuda, pero tamén xurdiron outras actitudes non tan positivas cara a nós. Aurelia non elixiu estar no foco de nada. A familia propietaria tirou pola vía penal en lugar de reclamar a mediación dos Servizos Sociais, que teñen tamén esa función. Pasamos dunha solución amigable a unha resolución conflitiva. Aproveitáronse do marco legal vixente para levar a cabo o desaloxo.
"En vez de ver en Aurelia unha persoa xubilada que cobra unha miseria, algúns viron nela unha persoa que vive nunha zona que non lle correspondería polo seu nivel económico"
Pero habéra máis casos como os de Aurelia...
Xa nos están chegando novos casos. Sabemos que non pode ser que Aurelia sexa o todo, pero tampouco a podemos deixar soa porque é unha situación de exclusión social flagrante. Lembremos que Aurelia Rey cobra unha pensión non contributiva duns 370 euros e vive por debaixo do limiar da pobreza. Por iso pedimos a implicación da cidadanía. Tivemos moito apoio, pero tamén sabemos de moita xente que se implicou na censura moral ao culpar a Aurelia de rexeitar pisos que estaban moi lonxe ou de vivir no lugar onde vive. Digamos que tamén xurdiron celos entre clases. En vez de ver en Aurelia unha persoa xubilada que cobra unha miseria, algúns viron nela unha persoa que vive nunha zona que teoricamente non lle correspondería polo seu nivel económico.
Doéronlle algúns deses comentarios?
Por que non podes vivir en calquera lugar da cidade? Ou é que xa aceptamos o clasismo por zonas? Ao final, a clase baixa social reproduce discursos que van na súa contra. Aurelia Rey leva máis de trinta anos vivindo na mesma zona. Que diriamos se o mesmo caso de Aurelia se dese nun barrio máis humilde? Aceptémolo ou non, segue sendo traumático porque estás dando pé ao desarraigo, máis aínda cando falamos dunha persoa de 85 anos que ten o seu médico, as súas amizades e o seu modo de vida nunha zona determinada.
"Estamos cumprindo unha función que debería realizar a Concellería de Servizos Sociais"
Que ocorre agora que se parou o desafiuzamento?
Isto tamén nolo preguntamos nós. E agora que? Da parte de acompañamento e de busca dunha nova vivenda deberían ocuparse os Servizos Sociais, pero o único que ofertan son pisos de protección oficial e no Concello aseguran que non hai iniciado ningún proceso de "concorrencia competitiva aberta", como din eles. En definitiva, que non teñen pisos. Agora estamos nunha situación na que nós estamos cumprindo a función que debería realizar a Concellería de Servizos Sociais. Estamos encargándonos de buscarlle un piso nos dous meses que ten de prazo, pero tamén nos ocuparemos de axudarlle coa mudanza e de reubicala. Se ocorrese con outras familias, pasaría o mesmo. Sempre se fala de cando se para o desafiuzamento, pero a onde van esas familias que conseguen a dación en pago pero quedan sen casa? Quen se ocupa delas?
Están cumprindo os movementos sociais a función que deberían realizar os poderes públicos?
Está pasando e iso é unha mostra do desmantelamento do Estado de Benestar. É o activismo social o que moitas veces se ten que ocupar de cousas das que se deberían ocupar as administracións públicas. Non é que nos poidamos ver nesa situación, senón que xa nos estamos vendo nela. Hai moitos máis casos e é evidente que nós non nos podemos ocupar de todos. Pedimos que as administracións públicas se impliquen. O que non pode ser é que nós teñamos que buscar e procurar unha solución porque o Concello ou a quen lle corresponda non o faga.
No entanto, sempre dixestes que o voso labor é tamén de concienciación social, de pedagoxía...
É evidente. Teñamos en conta que en plena crixe, séguense mantendo as mesmas rendas para os alugueres cando o poder adquisitivo da sociedade é claramente menor. Temos que facer entender que os novos tempos requiren novos modos de relación. Pasamos dun Estado de Benestar a un reparto da carencia. Ou nos coordinamos entre todos ou non sei o que pode pasar. Eu creo na autoxestión, pero sei que é complicado porque a pequena burguesía propietaria non quere perder os seus privilexios, a pesar de que o poder adquisitivo das familias segue baixando e o paro é cada vez maior. O que debemos facer é darlle unha volta a este pensamento porque non podemos pensar que un movemento como Stop Desahucios se pode converter nuns Servizos Sociais autoxestionados.
"Estoulles agradecido aos políticos que estiveron con nós e que deron a cara"
Que opina do apoio que recibiron de cargos públicos co Concello?
Calquera apoio de concelleiros da corporación municipal foi importante, tamén como salvoconduto contra a represión do activismo, porque hai xente á que xa lle están chegando citacións para ir declarar ao xulgado.
Hai quen di que os políticos que os apoiaron só querían sacarse a foto.
Eu persoalmente estoulles agradecido. Só podo ter palabras de agradecemento para os concelleiros do BNG Xosé Manuel Carril e Avia Veira. Desde o primeiro día estiveron con nós e incluso quedaron a durmir no portal. Eu só os vía como uns activistas máis que apoiaron o movemento. Estiveron da nosa man e esa debe ser a función dun político. Non debe impoñerse na sociedade, senón ser a membrana de vinculación dese magma social. César Santiso, concelleiro de Esquerda Unida, tamén estivo varios días dando a cara con nós e incluso algún concelleiro socialista se achegou para interesarse polo tema, a pesar de que neste último caso é difícil de entender cando foi o seu partido o que lexislou xusto en contra do que nós defendemos.
"Claro que se poden cambiar as cousas, pero necesítase xente disposta a romper coas lóxicas tradicionais"
En definitiva, cren que conseguiron unha maior concienciación da sociedade respecto dos desafiuzamentos ou desaloxos?
Ese é sempre un dos obxectivos e temos medo de que o caso de Aurelia tape todo o demais. O que notas pola rúa, cando a xente te anima a seguir, é que estamos todos moi necesitados de esperanza. Claro que se poden cambiar as cousas, pero necesítase xente disposta a romper coas lóxicas tradicionais. Todos estabamos afeitos a ingresar a renda do piso a final de mes, pero como fas se nin tan sequera tes a renda do traballo? Notamos máis apoio e notamos tamén como moitas familias que antes non se achegaban a nós por vergonza, si que nos chaman agora para preguntarnos como os poderiamos axudar.
Seguirán loitando?
Seguiremos en pé de loita. O de Aurelia é un caso moi concreto e moi especial. A xente pode quedarse co caso de Aurelia, pero este caso só é a punta do iceberg. Ela podería ser a avoa de calquera e por iso moita xente se identificou co seu problema, pero insisto en lembrar que está nunha clara situación de exclusión social, algo que quizais non soubemos transmitir como deberiamos. Destina máis do 30% dos seus ingresos ao pago do aluguer e iso se cadra é o realmente grave. En Servizos Sociais dixéronnos que había máis Aurelias. Creo que esa resposta que nos deron debería facer reflexionar aos poderes públicos. Se hai máis casos como o desta muller, deberían recapacitar sobre o que están facendo cos cartos públicos ou sobre o que está pensando con dereitos básicos que veñen recollidos na propia Constitución.

O soberanismo sae á rúa contra a corrupción e a prol da "soberanía"

Redacción | @prazapublica


"Polo dereito ao traballo, á igualdade, aos servizos públicos e á plena soberanía nacional galega". Son os motivos que este domingo sacou ás rúas de Compostela a milleiros de persoas que secundaron a convocatoria encabezada polo BNG e a CIG xunto a diversas organizacións como CCPI, COG, FRUGA, MPB, Nós-UP, AGIR, AMI, BRIGA, os Comités, Galiza Nova, ISCA! e a Liga Estudantil Galega. No que nalgúns foros é interpretado como un paso máis do Bloque cara ao ámbito soberanista os manifestantes consideraron que "abonda xa de corrupción e de destrución social e cultural" e que, neste ámbito, cómpre unha "ruptura democrática" e un novo "proceso constituínte".
O portavoz nacional do Bloque, Guillerme Vázquez, púñalle voz ás reivindicacións na Alameda da capital galega considerando que "xa é hora de castigar a corruptos e corrompidos" e "proceder á "rexeneración do sistema". "Estamos aquí para expresar que estamos farots e fartas de corrupción", enfatizou o nacionalista, que abondou tamén no "cansazo" a causa "desta elite económica e política que só persegue saquear as clases populares". "Até aquí chegamos", di Vázquez, en cuxa opinión "non só é preciso castigar" a quen comete ou permite a corrupción, senón facer camiñar o sistema "nunha dirección diferente".
As organizacións convocantes chaman a "artellar uha alianza" para "recuperar os dereitos políticos, económicos, sociais, lingüísticos e culturais" de Galicia
"Menos monarquía e máis soberanía", "menos corruptos e máis institutos" ou cánticos a prol da independencia de Galicia foron algunhas das consignas berradas ao longo da mobilización, que ao seu remate fixo rebordar a Praza de Praterías. Foi alí onde as entidades convocantes se declararon, a través dun manifesto, como "herdeiros e herdeiras da esperanza de Celso Emilio" para "erguer a voz" e "convocar a sociedade galega a unha resposta de dignidade e loita para enfrontar o tempo da devastación social e cultura, política e económica, que están a provocar as políticas do capitalismo ultraliberal no noso país".
A xuízo das organizacións que impulsaron a protesta "o réxime político da segunda restauración" está a "esmorecer" e, mentres o fai, "provoca unha violenta destrución social, económica e cultural sobre o nosoo pobo". "Como corolario desas agresións", enfatizan, están "o medo, a precariedade social, a dor e a angustia e mesmo os suicidios". "Estamos diante dun modelo político e social que mete auga por todos os lados e do que nada se pode agardar porque foi protexido de calquera mudanza e rexeita mesmo discutir", censuran. Así as cousas, coidan que a saída pasa por "artellarmos unha alianza para producir un novo proceso que permita recuperar os nosos dereitos políticos, económicos, sociais, lingüísticos e culturais como pobo". "Democracia participativa e directa" ou "libre acceso aos servizos públicos" son algúns dos obxectivos que, din, deben estar por tras da "tarefa de construír unha Galiza soberana de iguais en liberdade".