quinta-feira, 21 de fevereiro de 2013

Os oscuros intereses da rapiña burguesa.

A operación urbanística que pretende expulsar a Aurelia

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo Zona Publica



O intento (frustrado) de desafiuzamento de Aurelia Rey -a muller de 85 anos sobre a que pesa unha orde de desaloxo polo atraso no pago de dous meses de aluguer- situou A Coruña na triste lista de polémicas sobre os lanzamentos que cada semana ocupan as portadas dos xornais. O caso desta anciá, á que apoian centos de veciños desde hai días, non se trata da sentenza xudicial derivada do impago dunha hipoteca e da orde dunha entidade bancaria, senón dun "claro caso de mobbing inmobiliario" derivado "operación urbanística de primeira orde".

Así o denuncian varios expertos e fontes xudiciais, pero tamén o colectivo Ergosfera, unha plataforma de estudantes de Arquitectura e arquitectos que desenvolven traballos de investigación e acción desde A Coruña. A última análise céntrase no caso de Aurelia Rey e que, con detalle, definen como "a consecuencia dun sistema urbanístico-inmobiliario inxusto" que pretende "a expulsión" das zonas céntricas das cidades dunha poboación envellecida e precaria para substituíla por "outra mais afortunada na ruleta da distribución de rendas".
"É un claro caso de 'mobbing' inmobiliario que pretende a expulsión dunha poboación envellecida e pobre do centro da cidade"
Iago Carro, membro de Ergosfera e profesor de Urbanismo na Universidade da Coruña, é un dos autores dun informe que "vai máis aló da grave e triste situación particular" de Aurelia, para fixarse "nas causas técnicas e económicas" deste intento de desafiuzamento. "Na cidade é a primeira vez que se dá un caso tan indignante e mediático de lanzamento e resulta estraño que non sexa debido á estafa global hipotecaria, senón a un caso claro de xentrificación e mobbing inmobiliario que pretende a expulsión dunha poboación dun lugar para levalo a outro", explica, tras aclarar que este "é un proceso científico" que se leva anos estudanto e que "xa se deu nos Estados Unidos nos anos 60".
Para Ergosfera e Iago Carro, a situación de Aurelia Rey vén derivada da "nova centralidade comercial" do barrio onde vive a anciá desde hai 34 anos. A reconstrución do mercado da Praza de Lugo, a creación dun centro comercial aberto e a atracción de todas as tendas de Inditex e multinacionais como Fnac "aumentaron a presión sobre a zona, provocando unha revalorización inmobiliaria" que rematou coa compra por parte do grupo textil de Zara da maioría de baixos comerciais da rúa perpendicular a Padre Feijoo, onde reside a muller de 85 anos.
O intento de desaloxo "é consecuencia" dun sistema onde "as plusvalías xeradas pola actividade urbanística pública só son recollidas polos propietarios"
Así, tal e como explica Carro, os intentos de desafiuzamento de Aurelia Rey por parte de familia González-Pereira -propietaria de numerosos inmobles na cidade- non é máis que a consecuencia "dun sistema onde as plusvalías xeradas pola actividade urbanística pública tan só son recollidas polos propietarios do solo e non pola cidadanía común". Uns donos que agora ven que "o que valía X, vale X+Y" e buscan un maior beneficio aproveitándose da debilidade legal e humana.
Ademais, tal e como continúa Carro, os arrendadores aluden á suposta inxustiza de que Aurelia Rey siga a pagar 126 euros polo aluguer dunha casa que habita desde 1979 e que supón máis do terzo recomendado dos 356 euros que cobra da pensión. "Aquí pártese dun sistema e dun principio que se basea en que os prezos dos alugueiros deben ser fixados unicamente polo valor do solo e non polas capacidades económicas dos inquilinos xa establecidos nun lugar, cando ademais o valor do solo pode depender de moitas cousas, incluídas as actuacións públicas pagadas por todos os cidadáns", resume.
A oferta de pisos de aluguer social en Novo Mesoiro ou Eirís supón "a expulsión á periferia" das clases baixas
Os beneficios legais que ten este sistema son os que provocan que recaian nas administracións públicas as responsabilidades de dotar de aloxamentos sociais á poboación máis desfavorecida, como Aurelia Rey, á que lle ofrecen alugueres sociais en Eirís ou Novo Mesoiro, zonas situadas a varios quilómetros do centro, o que supón un exemplo máis da "expulsión á periferia" das clases baixas o que, segundo Iago Carro, "converte a cidade nunha cidade peor".
"É necesaria a diversidade; non queremos un gueto de yuppies que enchen as vinotecas coool ou levan modernos bolsos"
"Téndense a homoxeneizar os barrios; non nos negamos a que nesta zona céntrica haxa unha fauna diversa humana, porque non queremos un gueto de persoas envellecidas, pero tampouco de yuppies que enchen as vinotecas coool ou levan modernos bolsos"."Debemos manter a variedade e esa necesaria diversidade inclusiva", insiste, tras aclarar que "Aurelia non é só un individuo, senón parte dunha rede de relacións sociais tecidas durante décadas nun barrio".
"Desde o punto de vista do urbanismo, a única solución razonable posible é que se manteña a Aurelia na vivenda porque calquera outra opción é darlle a razón a ese sistema inxusto que fixa os prezos", remata Carro, que ve a anciá de 85 anos como "unha parte da máquina de resistencia inconcsciente contra o proxecto capitalista e non democrático co que se deseña o futuro dun barrio". Un sistema favorecido pola lei de desafiuzamento express aprobado polo Goberno de Zapatero, pero que nin tan sequera se valeu disto no caso da anciá coruñesa, que está afectada por unha lei de arrendamento que data de principios dos 80 e do ministro socialista Boyer. "Este é un caso claro de mobbing inmobiliario favorecido por unha lei aplicada de maneira estrita", explica o avogado Xoán Antón Pérez Lema, que deita luz sobre a legalidade que supón poder expulsar unha persoa que non ten débeda ningunha co seu caseiro e que se atrasou no pago de dous recibos de aluguer, un deles hai máis de ano e medio e outro hai catorce.

Nenhum comentário:

Postar um comentário